Novela: Penumbra

En xullo deste ano saiu do prelo Penumbra, na colección Fóra de Xogo de Edicións Xerais, unha novela de aventuras que supón a miña primeira incursión na novela.

A desaparición de Bryn, unha das sentinelas do muro de entullo que protexe Terra de Sol do escuro reino de Penumbra, pon de manifesto a sombra que ameaza a convivencia entre os cinco territorios de Sol: Desértica, Montaña de Xeo, Cavernas de Sombra, Terra de Sur e Illa Dourada. Ashlyn, a pequena irmá da sentinela desaparecida, é quen avisa as cinco terras do perigo e, ademais, quen guía a expedición na procura de Bryn a través das terras áridas de Desértica. Mentres, Penumbra maniféstase na terrorífica sombra que intenta darlles caza.

Algunhas curiosidades sobre o libro.

Para min trátase dunha novela de aventuras, sen máis, na que intentei que saísen todos os meus referentes do xénero procurando unha historia orixinal. Creo eu que hai moito da Guerra das Galaxias, da Historia Interminable de Dentro do Labirinto e de moitos títulos, ben sexan estes libros ou da grande pantalla, os que forman parte deste pequeno libro. Para min supuxo unha catarse coa miña nenez e a miña adolescencia.

Hai unha referencia moi persoal nos nomes dalgunhas personaxes ao libro de Roger Zelagny Nove príncipes en Ámbar que eu coñecín grazas a un xogo de ordenador dos 80, unha aventura gráfico conversacional que se chamaban daquela, de título homónimo.

Escribina en 26 días. O reto que me propuxen antes de nacer a miña segunda filla (Xela), aínda que posiblemente a súa escrita mental durou anos.

Poemario: Ningún paxaro exótico

QUEN FOI OLIVE THOMAS?

Olive Thomas foi unha das ziegfeld follies, unha flapper girl, unha actriz de cinema mudo da que podedes atopar algunha información na rede, mais tampouco demasiada.

Olive Thomas tivo un final tráxico e prematuro froito do rápido que fluía a vida naqueles tolos anos 20 do século pasado ao que creo que aínda pertenzo.

Cheguei a ela a través do retrato co que o artista peruano afincado nos Estados Unidos Alberto Vargas daba uns primeiros pasos ás pin-up girls. Acostumo a empatizar coa dor, quizais o sentimento máis sincero dos que coñezo e algo vin nesa imaxe (supostamente erótica) que me fixo querer saber quen era, o que vin era sufrimento, aínda por riba da obvia sensualidade do retrato.

E non estaba equivocado. A historia detrás de Olive Thomas é o primeiro grande escándalo de sexo, drogas e traxedia de Hollywood, unha manifestación do éxito rápido sen reparar nas consecuencias, ela xunto a Jack Pickford foron uns proto Courtney&Kurt. O prezo da liberdade absoluta coa que decidiu devorar a súa fama foi a morte

E como non engaiolarse dunha historia así?. O texto que deixo aquí é o meu modo persoal e non documentado de establecer un diálogo cun personaxe de forza inmensa. Agardo que o gocedes.

Poemario: Da casa nova

POR QUE?

Da casa nova foi un poemario editado pola desaparecida Emerxente Editora no ano 2014. Logo de tres anos penso que o formato papel quedou esgotado. É por tanto un libro amortizado, de pouca repercusión e percorrido moi breve.

Tomo agora a decisión de deitalo na rede logo de que, para min, perdese toda actualidade. Trátase dunha etapa que queda na memoria coma un deses soños vívidos ao abrente. Logro recoñecer o eu que fun entre algúns versos, mais do mesmo modo que un recoñece a súa voz nun magnetófono, algo familiar mais que causa certo desagrado.

O arquivo dixital está enriquecido(?) con ligazóns ao blog que no seu momento creei para este texto, quizais alguén atope certo interese nisto: DA CASA NOVA

Agardo que a alguén lle poidan servir de algo as poucas palabras acertadas que nesta obriña hai. A min xa non.

Álbum: Unha sorpresa para Goruk

Non hai nada máis gratificante de escribir que facelo en compañía. Cando a idea desta historia comezou a baterme no pulso a primeira persoa na que pensei para levala a cabo foi María Longa, ilustradora de imaxinación única e amiga, a única persoa capaz no mundo de facer dunha historieta sinxela unha explosión de cor como foi este noso Goruk.

Aquela pequena aventura converteuse nun proxecto de libro dixital interactivo da man da Editorial Galaxia na súa plataforma Galaxia Tales (✝︎).

Micropoemario: Placentaria

Placentaria é un poema longo que naceu como unha performance xunto a artista e ilustradora María Longa e que presentei na Primeira edición de «Merendacea no Verbum. Poesía para devorar», un evento único para a experimentación arredor da palabra que creamos no colectivo Poetas da hostia.

Este texto ten moito de especial para min, malia as súas eivas. Un modo de renacer a través da palabra.

Relatos: MicroQontos

Houbo unha época na que os blogs en galego supuxeron un cambio de paradigma, unha efervescencia de creación, opinión, xornalismo, crítica literaria e moitos outros temas que foi coñecida como o blogomillo. Nese tempo foi onde naceu Proxecto Q, un blog variado e xa extinto no que retomei, en moitos aspectos, un gusto pola creación que perdera.

Foi aí onde experimentei coa literatura breve, brevísima e que, en sintonía co nome do blog denominei microQontos.

Todas as pequenas historias que daquela foron saíndo están recollidas no seguinte libro, acompañado das imaxes que daban pé a cada relato, sen revisións máis aló de darlle un formato algo máis agradable á vista.