POR QUE?
Da casa nova foi un poemario editado pola desaparecida Emerxente Editora no ano 2014. Logo de tres anos penso que o formato papel quedou esgotado. É por tanto un libro amortizado, de pouca repercusión e percorrido moi breve.
Tomo agora a decisión de deitalo na rede logo de que, para min, perdese toda actualidade. Trátase dunha etapa que queda na memoria coma un deses soños vívidos ao abrente. Logro recoñecer o eu que fun entre algúns versos, mais do mesmo modo que un recoñece a súa voz nun magnetófono, algo familiar mais que causa certo desagrado.
O arquivo dixital está enriquecido(?) con ligazóns ao blog que no seu momento creei para este texto, quizais alguén atope certo interese nisto: DA CASA NOVA
Agardo que a alguén lle poidan servir de algo as poucas palabras acertadas que nesta obriña hai. A min xa non.