«Abercrombie»

A continuación. O texto gañador do CERTAME DE NARRACIÓN CURTA “HAPPY CURTIS” do ano 2012.

– Abercrombie –

Entrei en Abercrombie & Fitch cos primeiros raios da tarde brincando sobre as copas dos mil setecentos ulmeiros cos que central Park homenaxea Manhattan. Moito cambiara o aire rancio da tenda dende que entrara por vez primeira da man de meu pai nun pequeno local da franquía no Lower East side a mercar moscas para pesca de troita. O macizo mobiliario de caoba fora substituído por modernos estantes en arce branco e o carraspeo poeirento dos dependentes deu paso a estudantes da Juilliard School. Ademais, as canas, anzois e demais eran hoxe parte da decoración dunha boutique especializada en artigos para o cabaleiro elegante. Escollín un pano de pescozo de cachemir e pedinlle a dependenta que o envolvese para agasallo. Envolveuno con certa torpeza pero cun sorriso sureño tan espléndido que só puiden sentir a idade a apousentarse no miolo dos ósos.

Ao saír aínda tiña vinte minutos ata a hora da cita, tempo suficiente para respirar o outono de Nova York e dar un pequeno paseo ata as portas do Lenox Hill Hospital.

Cando Peter enfermou, a pequena cuadrilla que formábamos eu, Larry Collins e Jack Coendry fixemos a firme promesa de visitalo cada serán de Acción de grazas ata que recuperase os folgos e pagase un par de roldas na cantina de sempre. Levábamos xa catro anos esquivando o desfile de Macy`s ata peregrinar a esa mesma habitación 425 no Lenox Hill onde Peter ía perdendo pouco e pouco a vitalidade. Antes de enviuvar os ollos de Peter sempre eran quen de confortarnos pasase o que pasase, pero dende a marcha de Nancy o seu ollar irrompible decidira apagarse ara se converter en dúas esferas húmidas que máis tarde a enfermidade se encargou de secar.

Non obstante, aquela tarde atopámolo inusualmente vigoroso e ledo. Sentado sobre a cama xa agardaba a nosa visita pero cunha luz nos ollos que nos encheu de calor. Había anos que non sentíamos esa enerxía e volver bañarnos na humidade cálida e fulgor azul escuro do seu ollar resultou algo tan natural como se todos os anos de pena vagarosa fosen un mal soño, Peter era así, sempre capaz de sorprendernos. Ergueuse para abrazarnos a cada un e dar unhas sonoras palmas nas nosas costas ata que un a un deixamos caer tres vultos envolvidos co papel corporativo de A&F. Sorriu cun aceno melancólico. Apenas falamos, e ao despedírmonos del non fixo falta que fixera palabra do que xa entenderamos os catro: non quedaba nada que nos dicir. Demos unha última aperta ao seu corpo miúdo e marchamos coas mans cheas do seu calor.

E, contra todo prognóstico, fóra seguía sendo Acción de grazas. Logo da cea, do pavo, das sobremesas, da familia, dos licores, da calor vermella nas fazulas dos netos, do cansazo feliz,… deiteime xunto Marggie e biqueina na fronte. Esa noite só puiden soñar recordos. Erguer cedo os domingos pola mañá para axudar a papá a lavar, como cada semana, o vello Mustang. O día en que Nancy e Peter mudaron ao noso barrio residencial. As noites da Superbowl acompañado de Larry, Peter, Jack e unhas boas pintas irlandesas. Nancy agachando na nosa casa o agasallo de Nadal para Peter, sempre un pano de Abercrombie . A dureza da morte golpeándome nas sens. Descubrir que non podería despedir a papá como merecía. Os fillos abandonando o fogar e deixando unha chea de baleiros. O día en que abracei a Maggie no xardín logo do enterro de Nancy sentindo que o amor era o ben máis prezado deste tránsito. Todos os telegramas que certificaron ausencias. Peter no teléfono: si, mañá mesmo comezo o tratamento. E os netos. Volver ver a casa chea de pasos e sorrisos acendidos. Recuperar a ilusión. A comprensión cada día nos ollos da compañeira. O amor e a paixón calma dos anos. A vida…

Á mañá seguinte cando a maceira do xardín comezaba a súa andaina de sombras contra a casa eu xa agardaba sentado no porche a chegada do carteiro. Coñecía a Peter tan ben como cada un dos nós das pólas das árbores do patio, tan ben como para saber que precisaría asegurarse que mesmo a súa despedida fose reconfortante para todos. Collín o telegrama e deixei a propina que tiña preparada.

Non vos amoledes – Onte foi un dos días máis felices dos meus últimos
anos – Todos xuntos e recordando os vellos tempos – Vou con Nancy –

Adeus.

Daniel Landesa. 2012

Novela: Penumbra

En xullo deste ano saiu do prelo Penumbra, na colección Fóra de Xogo de Edicións Xerais, unha novela de aventuras que supón a miña primeira incursión na novela.

A desaparición de Bryn, unha das sentinelas do muro de entullo que protexe Terra de Sol do escuro reino de Penumbra, pon de manifesto a sombra que ameaza a convivencia entre os cinco territorios de Sol: Desértica, Montaña de Xeo, Cavernas de Sombra, Terra de Sur e Illa Dourada. Ashlyn, a pequena irmá da sentinela desaparecida, é quen avisa as cinco terras do perigo e, ademais, quen guía a expedición na procura de Bryn a través das terras áridas de Desértica. Mentres, Penumbra maniféstase na terrorífica sombra que intenta darlles caza.

Algunhas curiosidades sobre o libro.

Para min trátase dunha novela de aventuras, sen máis, na que intentei que saísen todos os meus referentes do xénero procurando unha historia orixinal. Creo eu que hai moito da Guerra das Galaxias, da Historia Interminable de Dentro do Labirinto e de moitos títulos, ben sexan estes libros ou da grande pantalla, os que forman parte deste pequeno libro. Para min supuxo unha catarse coa miña nenez e a miña adolescencia.

Hai unha referencia moi persoal nos nomes dalgunhas personaxes ao libro de Roger Zelagny Nove príncipes en Ámbar que eu coñecín grazas a un xogo de ordenador dos 80, unha aventura gráfico conversacional que se chamaban daquela, de título homónimo.

Escribina en 26 días. O reto que me propuxen antes de nacer a miña segunda filla (Xela), aínda que posiblemente a súa escrita mental durou anos.

Poemario: Ningún paxaro exótico

QUEN FOI OLIVE THOMAS?

Olive Thomas foi unha das ziegfeld follies, unha flapper girl, unha actriz de cinema mudo da que podedes atopar algunha información na rede, mais tampouco demasiada.

Olive Thomas tivo un final tráxico e prematuro froito do rápido que fluía a vida naqueles tolos anos 20 do século pasado ao que creo que aínda pertenzo.

Cheguei a ela a través do retrato co que o artista peruano afincado nos Estados Unidos Alberto Vargas daba uns primeiros pasos ás pin-up girls. Acostumo a empatizar coa dor, quizais o sentimento máis sincero dos que coñezo e algo vin nesa imaxe (supostamente erótica) que me fixo querer saber quen era, o que vin era sufrimento, aínda por riba da obvia sensualidade do retrato.

E non estaba equivocado. A historia detrás de Olive Thomas é o primeiro grande escándalo de sexo, drogas e traxedia de Hollywood, unha manifestación do éxito rápido sen reparar nas consecuencias, ela xunto a Jack Pickford foron uns proto Courtney&Kurt. O prezo da liberdade absoluta coa que decidiu devorar a súa fama foi a morte

E como non engaiolarse dunha historia así?. O texto que deixo aquí é o meu modo persoal e non documentado de establecer un diálogo cun personaxe de forza inmensa. Agardo que o gocedes.

Poemario: Da casa nova

POR QUE?

Da casa nova foi un poemario editado pola desaparecida Emerxente Editora no ano 2014. Logo de tres anos penso que o formato papel quedou esgotado. É por tanto un libro amortizado, de pouca repercusión e percorrido moi breve.

Tomo agora a decisión de deitalo na rede logo de que, para min, perdese toda actualidade. Trátase dunha etapa que queda na memoria coma un deses soños vívidos ao abrente. Logro recoñecer o eu que fun entre algúns versos, mais do mesmo modo que un recoñece a súa voz nun magnetófono, algo familiar mais que causa certo desagrado.

O arquivo dixital está enriquecido(?) con ligazóns ao blog que no seu momento creei para este texto, quizais alguén atope certo interese nisto: DA CASA NOVA

Agardo que a alguén lle poidan servir de algo as poucas palabras acertadas que nesta obriña hai. A min xa non.

Álbum: Unha sorpresa para Goruk

Non hai nada máis gratificante de escribir que facelo en compañía. Cando a idea desta historia comezou a baterme no pulso a primeira persoa na que pensei para levala a cabo foi María Longa, ilustradora de imaxinación única e amiga, a única persoa capaz no mundo de facer dunha historieta sinxela unha explosión de cor como foi este noso Goruk.

Aquela pequena aventura converteuse nun proxecto de libro dixital interactivo da man da Editorial Galaxia na súa plataforma Galaxia Tales (✝︎).

Micropoemario: Placentaria

Placentaria é un poema longo que naceu como unha performance xunto a artista e ilustradora María Longa e que presentei na Primeira edición de «Merendacea no Verbum. Poesía para devorar», un evento único para a experimentación arredor da palabra que creamos no colectivo Poetas da hostia.

Este texto ten moito de especial para min, malia as súas eivas. Un modo de renacer a través da palabra.

Relatos: MicroQontos

Houbo unha época na que os blogs en galego supuxeron un cambio de paradigma, unha efervescencia de creación, opinión, xornalismo, crítica literaria e moitos outros temas que foi coñecida como o blogomillo. Nese tempo foi onde naceu Proxecto Q, un blog variado e xa extinto no que retomei, en moitos aspectos, un gusto pola creación que perdera.

Foi aí onde experimentei coa literatura breve, brevísima e que, en sintonía co nome do blog denominei microQontos.

Todas as pequenas historias que daquela foron saíndo están recollidas no seguinte libro, acompañado das imaxes que daban pé a cada relato, sen revisións máis aló de darlle un formato algo máis agradable á vista.

Micropoemario: Gallaecia

Moito renego agora deste texto, especialmente dalgúns fíos de machismo que del subxacen. Escrito no ano 2000, trátase dunha composición de carácter épico inspirada na xenial novela histórica de Darío Xohan Cabana, Morte de rei. Non se trata dun poema con rigor histórico, tan só un imaxinar.

Foi merecedora do primeiro premio da Universidade de Vigo alá polo ano 2001 e publicado en Xerais na colección de premiados do certame universitario.

Vai acompañada de ilustracións de Paulo Cabaleiro.