Sete lugares para ler en Vigo

Vigo é unha cidade de contrastes, capaz de conter nela as producións artísticas máis notables da historia recente de Galicia xunto coas ideas máis estrambóticas de modelo de cidade; nesta cidade que somos capaces de odiar e amar a partes iguais, o mesmo aparece o interensantísimo colectivo artístico 85 C que soportamos os desvaríos do bufón dos leds e dun modelo de cidade suicida. O mesmo nace o Grupo Atlántica que Pechamos Vigo ao mar.

Vigo é unha víbora que muda a pel de aldea cara a cidade industrial con movementos de base ata chegar a cidade impersoal, mediática, pija e asfixiante que é hoxe.

Outra cousa que é esta cidade desamparo (e iso é innegable) e que se trata dunha cidade moi literaria desde que Martín Codax retratara as súas ondas no pergameo Vindel. Algo ten esta cidade que a volve protagonista.

Mais Vigo é tamén un bo lugar para ler. Eu son moito de ler fóra da casa é por iso que quixen seleccionar 7 lugares ideais para gozar dunha boa lectura. Para cada lugar seleccionei un libro que penso que é unha lectura ideal en canda un deles:

1. Labirinto francés de Castrelos

O Parque de Castrelos é o pulmón verde da cidade. No seu interior acolle o Pazo de Castrelos que anteriormente fora a Torre de Lavandeira, testemuño defensivo de invasións piratas e da aínda traumática ruptura administrativa do reino galego-portugués.

O pazo é un dos mais fermosos exemplos da arquitectura nobiliaria do XVIII, todo un carrusel de espazos diferentes nos que perderse. Para esto primeiro lugar seleccionei a contorna do xardín francés, obra de Jacintho de Mattos.

E que podemos ler neste lugar? Eu selecciono dous libros, por motivos ben diferentes.

Amantes. María Lado, Editorial Caldeirón. Nun día solleiro de calquera primavera, o xardín énchese de aves cantareiras que xogan a se amar. Entre as roseiras non é difícil ver xogar os merlos ou as lavandeiras. E no libro de María Lado vive un dos meus poemas preferidos:



[…]da mesma maneira en que os paxaros
seducen as maceiras
é dicir, esforzándose en acrobacias
insinuando as caricias que saben facer
coa punta das ás, despregándoas moito […]


O fidalgo e outros relatos, de Ramón Otero Pedrayo, Editorial Galaxia. Esta obra é un dos fitos da narrativa galega moderna. E que mellor lugar para aprender sobre a decadencia da fidalguía que nun dos pazos mellor conservados do país?



2. Café de catro a catro.

O «catro» é un dos poucos cafés tertulia que quedan na cidade. Un lugar histórico que leva facendo comunidade desde o ano 81. É un lugar perfecto para compartir conversas, iniciar proxectos en común ou, simplemente, socializar. Mais tamén é un lugar cálido para levar un libro e devoralo entre cafés.

O libro que escollo é unha perogrullada, mais tamén é unha lectura necesaria:

De catro a catro. Manuel Antonio, El patito Editorial. Se na literatura galega anterior ao 36 houbo algún escritor maldito, este foi Manuel Antonio, quen produciu unha obra única onde a evocación atlántica é medio e fin. Unha delicia mergullarse nesta obra en calquera tarde chuviñenta.


3. Colexio de arquitectos

A dous pasos da porta do Sol, si, ese lugar camiño do parque de atraccións descafeinado e sen contido que foi nun tempo o centro neurálxico da cidade, sitúase, construído sobre os últimos recordos da histórica muralla de Vigo, o Colexio de Arquitectos, unha obra singular e valiosa que alguén decidiu poñer nun lugar inadecuado, escachando de vez o fráxil urbanismo da cidade. Non obstante, a súa configuración dá para unhas boas lecturas, tanto con bo tempo como con vento e auga (grazas a cafetarías próximas).

Escollo para este lugar unha crónica que dá boa fe da historia arquitectónica, social, urbanística e política da cidade:

Vigo, puro milagre. Manuel Bragado, Edicións Xerais. Velaquí unha escolma de artigos publicados no Faro de Vigo polo meu admirado Manuel Bragado, quen actúa como cronista perspicaz da memoria. Unha escolma necesaria para comprender esta cidade.



4. Pombal dos xardíns de Castrelos.

Volvemos ao parque de Castrelos para visitar o pombal, unha construción que para min é unha debilidade. Non sei se o feito de unha construción humana de semellante magnitude para dar cobixo aos paxaros, ou a súa estrutura circular ou o aquel de referencias literarias arredor destas construcións. O caso é que é outro espazo singular onde sentar e ler un bo libro como o que vos propoño.

Persuasión. Jane Austen, Irmás Cartoné. Non se me ocorre mellor libro que ler nun lugar así. Desde a primeira páxina un é quen de sentirse dentro do mundo do relato de Austen.




5. Cíes. Cabo do Bico.

Disque este punto da illa de San Matiño, a máis inaccesible das tres que forman o arquipélago das Cíes é o que da nome a cidade de Vigo. E claro que soaría ben aquela campaña do Vigo de Soto con este topónimo: “Por un bico mellor”. Sexa o que for, para quen teña a oportunidade de achegarse ao cabo do bico, non debería dubidar en levar o libro que vos poño a continuación:

Si o vello Sinbad volvese ás illas. Alvaro Cunqueiro, Editorial Galaxia. Que dicir sobre este libro. Cando alguén me pregunta se teño un libro favorito adoito responder que teño moitos, que non son quen de quedar cun só. Non obstante…


6. Monumento a Jules Verne.

Estas son as auténticas luces de Vigo. A reivindicación de Vigo como cidade Verniana é unha bandeira moito máis digna que o cosmopaletismo salferido de leds, de setos estrambóticos e escaleira mecánicas. E que mellor lugar para facelo que preto do mar no que Sanjurjo Badía experimentou co seu submarino. Aos pés desta escultura de Verne poderíase ler calquera obra do autor francés, como as 20.000 leguas baixo dos mares, que recentemente editou Xerais. Non obstante, xa que rememoramos o submarino de Sanjurjo Badía, teño que recomendar este:

Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta. Ledicia Costas, Xerais. De toda a boa LIX que Ledicia Costas leva producido na última década este libro é a miña debilidade. Non perdades a oportunidade de mergullarvos neste universo fantástico que semella tan posible.


7. Parque de Castrelos.

Quero rematar este listado de lugares de novo en Castrelos, fóra do recinto do pazo, o parque de Castrelos é un lugar de reunión para amantes do deporte que percorren as súas pistas de terra, lugar de espectáculos de masas no auditorio aberto (para cando recuperar un ciclo de teatro no auditorio?), ou simplemente do aire libre nas zonas axardinadas? Co bo tempo é normal ver familias de pic-nic. Un lugar especial para tardes de domingo con ciranzas.

O Grúfalo. Julia Donaldson. Patas de peixe Editora. E que mellor para complementar unha boa tarde familiar ao aire libre que cunha lectura en común? A estupenda tradución deste clásico moderno e o libro tal para ler en común rodeados de árbores e bechos varios.

8. Bola extra! Antiga estación de tren de Vigo (✝︎)

Este é un lugar da memoria. En concreto da miña memoria. Neste lugar traballou o meu avó e sempre ten un espazo no caixón da miña infancia. Agora que no lugar onde existiu este edificio precioso haberá un gran centro comercial cheo de multinacionais que xeren emprego deficitario, é bo momento para lembrar aquela estacón de tren tan nosa.

Outono aquí. Mario Regueira, Sotelo Blanco. Non sei exactamente por qué pero se tivese a posibilidade de volver a aquela estación da miña infancia escollería ir a finais de setembro. E a prosa pausada de Mario Regueira neste libro é un bo motivo para facer deter o tempo.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s